miércoles 30, octubre 2019

O Museo do Campo e a Mecanización xa é unha realidade en Silleda tras a súa inauguración de onte. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de descubrir a placa. Un espazo museístico que cualificou como «un paseo polo rural galego e unha magnífica forma de reflectir a enorme modernización que experimentou o sector primario en Galicia». Un espazo que permitirá realizar un percorrido pola historia do campo galego.

Unha data histórica para o campo e a mecanización galegos que culmina coa apertura dun museo dedicado a homenaxear a súa actividade. «Queremos ser unha ferramenta máis para o impulso do sector agrícola e gandeiro e tamén servir de estímulo para as novas xeracións. Que vexan o rural como unha oportunidade», apuntou o director do museo, Manuel Iglesias. Pola súa banda, o presidente da Fundación do Campo Galego, Anxo Jove, agradeceu a asistencia aos presentes e tivo palabras para destacar o papel do museo. «Unha ferramenta dignificadora e divulgativa do campo galego que vai supoñer un espazo formativo e de lecer cultural familiar único en Galicia», puntualizou.

Sala Barreiros

A través da visita das 12 salas coas que conta o museo, pódese percorrer a historia do campo e a mecanización galegas. Desde o Paleolítico e Neolítico ata a idade dos metais, os carros e sen faltar o tractor. Un a de as salas, a Sala Barreiros, contén máis de 20 pezas da marca Barreiros, unha das máis emblemáticas do sector automobilístico español, que ademais, este ano cumpre 100 anos de historia. A sala, inaugurada por Mariluz Barreiros, presidenta da Fundación Barreiros, é ademais dunha exposición, toda unha homenaxe a Eduardo Barreiros, un galego ilustre. Ademais, o museo conta cunha tenda dedicada a destacar a produtores galegos que expoñen os seus artigos e que o público poderá adquirir directamente no museo. Haberá tamén distintos espazos de aprendizaxe para as próximas actividades que se desenvolvan e leven a cabo no recinto, porque o museo non só pretende ser unha superficie expositiva, senón que busca ser un espazo de lecer, cultura e de aprendizaxe, onde se albergarán talleres e exposicións de distintas empresas que tamén beben da cultura galega.

O museo, o primeiro na comunidade galega dedicado en exclusiva á historia do campo e a mecanización, conta con máis de 4.400 metros cadrados de exposición e prevese unhas 25.000 visitas anuais. A entrada custa seis euros, pero haberá prezos reducidos para colectivos e grupos e ademais, tanto os nenos como as persoas maiores, poderán entrar de forma gratuíta.